O Novo Cinema Galego tamén ten nome de muller

“Cinema e Muller” é un mapeo de mulleres realizadoras vinculadas á provincia de Pontevedra que conta con charlas sobre cinema e xénero, unha mostra de cinema galego e a estrea dunha película colaborativa realizada por dez cineastas.

Por GC Tendencias | Pontevedra | 08/03/2016 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

O cinema galego tamén se escribe en feminino. Nos últimos anos, as mulleres teñen participado e realizado destacados productos audiovisuais que teñen conformado o que xa se deu en chamar o Novo Cinema Galego como un movemento de vangarda.

Ana Belén Diz participa no ciclo Cinema e Muller da Deputación de Pontevedra
Ana Belén Diz participa no ciclo Cinema e Muller da Deputación de Pontevedra

Neste agromar do audiovisual os filmes creados por mulleres presentan unha especifidade propia, que se manifesta nun discurso da diferenza ou da diversidade e na intersección coa arte. Trátase dun cinema que se atopa cómodo preto da obra de autora, do experimental e do documental comprometido.

Por iso, e para homenaxear a estas mulleres creadoras, a Deputación de Pontevedra acaba de lanzar o proxecto "Cinema e muller", un ciclo de cinema, conferencias e concertos que ten como vontade de visibilizar as creadoras do audiovisual e fomentar así unha maior participación das mulleres na creación da cultura e da arte.

Este ciclo inclúe varias accións, o mapeo de mulleres realizadoras vinculadas á provincia de Pontevedra, a organización dunhas charlas sobre cinema e xénero, unha mostra de cinema galego e a estrea dunha película colaborativa realizada por dez cineastas.

“Esta iniciativa é un exemplo do que se pode facer para fomentar a construción de discursos narrados por mulleres. Porque se a linguaxe constrúe o mundo, e o audiovisual é unha linguaxe que hoxe sabemos esencial, ás mulleres quédalles por definir unha boa parte da súa historia”, destacan desde o organismo provincia.

Andrea A. Fontán, creadora que participa no ciclo Cinema e Muller
Andrea A. Fontán, creadora que participa no ciclo Cinema e Muller

Entre as creadoras deste ciclo están Sol Alonso, Belén Andrés Iglesias, Andrea Area Fontán, Lara Bacelo, Milagros Bará, Matusa Barros, Carmen Bellas, Uxía Blanco, Pilar Boullosa, Claudia Brenlla, Sheila Broullón, Mar Caldas, Eva Calvar, Mariana Carballal, Iria Carregal, Paula Carro, Noemí Chantada, Ana Belén Diz, Isaura Docampo, Carmen Domínguez Penelas, Lola Dopio, Area Erina, Anxos Fazáns, Carla Fernández Andrade, Xisela Franco, Laura García Calleja, Silvia García González, Diana Gonçalves, Olaia Sendón ou Cora Peña, entre outras.

A mostra de cinema divídese en dúas sesións de curtametraxes experimentais realizadas por mulleres galegas. As obras foron seleccionadas, segundo os organizadores da mostra, “polo seu especial interese, pola súa orixinalidade ou pola súa valentía”. Algunhas foron premiadas en festivais e outras son igualmente orixinais sen contar con tanta sona, nin percorrido. “Mais todas xuntas conforman unha mostra de cine arriscado, intelixente e delicioso”, engade.

Ambas as sesións exhibiranse en Pontevedra e Vigo. A entrada é libre ata completar aforo e non precisa de reserva previa. En Pontevedra, as sesións serán o venres 11 de marzo, ás 18:30 h (sesión 1), e sábado 12 de marzo, ás 19:30 h (sesión 2), no Museo, Sexto Edificio. En Vigo, o luns 14 de marzo, ás 20:30 h (sesión 1), e martes 15 de marzo, tamén ás 20:30 h (sesión 2), no auditorio do Concello. 

Comparte esta noticia
¿Gustache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta